“Didáctica do canto coral con adolescentes”

Asomúsica, Asociación de Profesorado de Música de Secundaria e Bacharelato de Galicia, xunto co Departamento de Linguaxe Musical do Conservatorio Profesional de Música de Vigo, organiza este curso para atender unha das demandas xeralizadas do profesorado de música: o coñecemento da voz na adolescencia. 

Durante a adolescencia prodúcese o cambio ou muda da voz, en ambos os sexos, o cal vai propiciar un cambio cualitativo considerable na voz falada e cantada. Hoxe sabemos que a muda é un proceso secuencial e predicible que xeralmente ocorre durante un período dun ou dous anos, entre os doce e os catorce normalmente.

É evidente que a homoxeneidade vocal da Primaria xa non existe na Educación Secundaria e necesitaremos novas ferramentas e criterios para traballar vocalmente co noso alumnado.

Para responder a todas estas cuestións teremos a Alfonso Elorriagaprofesor, investigador e autor especializado na educación coral na adolescencia. Elorriaga é o director dende a súa creación do premiado proxecto educativo “Voces para la convivencia no IES “Francisco Umbral” de Ciempozuelos, Madrid.

Durante o curso presentará o seu libro “El sonido se transforma” publicado pola editorial Anexo en outubro de 2018.

Contidos do curso

  • Fundamentos fisiolóxicos e psicolóxicos do proceso da muda da voz masculina e feminina na puberdade: implicacións musicais e didácticas.
  • Estratexias para desenvolver con éxito a técnica vocal con voces adolescentes en calquera contexto educativo. Xogos vocais introdutorios, quecementos, agrupamento segundo a súa evolución vocal etc.
  • O ensaio coral con adolescentes. Técnicas didácticas, arranxos musicais, selección do repertorio etc.
  • Construción dun repertorio propio a unha, dúas e tres partes vocais con adolescentes (“voces flexibles”).
  • Como abordar a implicación dos adolescentes masculinos nas actividades vocais: identidade vocal e de xénero (“os mozos perdidos”).
  • A educación auditiva con adolescentes: Os “cantantes imprecisos”.

Metodoloxía

Activa e participativa, interrelacionando investigación educativa con práctica docente, reflexión e coñecemento teórico con aplicación práctica. En función da composición do coro piloto achegarase un repertorio de traballo, así como unha serie de artigos de consulta sobre o tema. O coro piloto estará formado por alumnado do Conservatorio Profesional de Vigo.

Este curso diríxese a:

  • Profesorado de Música de Educación Secundaria.
  • Profesorado de Coro, Linguaxe Musical e Canto de escolas de música e conservatorios de grao elemental e medio.
  • Profesorado de Institucións Superiores que desexe formarse sobre a didáctica da voz na adolescencia.
  • Alumnado relacionado co Máster Universitario de Formación do Profesorado de Secundaria pola especialidade de Música.
  • Todo aquel interesado no canto coral con adolescentes e mozos/as.

Inscrición

a) Solicitar a admisión no curso enviando un correo a cantoadolescencia@gmail.com antes do 15 de febreiro de 2019. Atenderase ás solicitudes por rigoroso orde de chegada.

O límite de prazas é de 50.

b) Realizar o ingreso de matrícula na conta facilitada pola organización unha vez recibida a confirmación de admisión no curso.

Prezo:      40€                                                                                                                                25€ socios/as de Asomúsica e profesorado do CMUS Profesional de Vigo

Anuncios